Este tema, complexo e polémico, ten un grande interese social, posto que conflúen posturas enfrontadas, nalgún caso claramente racistas, á hora de entender como erradicar a marxinación dunha parte do colectivo xitano galego. A aposta do goberno é lograr a reintegración social de chabolistas xitanos mediante poboados de transición, proposta lanzada polo vicepresidente Quintana logo da violenta oposición de certos veciños dos contornos nos que foran realoxadas familias procedentes de poboados marxinais.
O xornal Galicia Hoxe, máis conservador, outórgalle a esta cuestión unha relevancia moito maior cós demais medios, ao constituír a noticia principal de portada e ocupar unha extensión considerábel. En Vieiros tamén ten certa relevancia, onde provoca, por certo, dez comentarios dos lectores.
A respecto do enfoque, atopamos diferenzas notábeis entre os xornais, aínda que en ningún se aprecia unha postura contraria ao goberno e non se considera en ningún caso a opinión da veciñanza. En Galicia Hoxe destácase a posición do alcalde de Pontevedra a favor do plan de Quintana, aínda que con condicións, e dáselles voz tamén a outros protagonistas políticos e sociais. Vieiros e A Nosa Terra focalizan, en cambio, a aceptación por parte do presidente Touriño do plan da Vicepresidencia. E en GZnación, o xornal máis próximo á ideoloxía do partido de Quintana, recóllese o apoio incondicional que a Asociación do Pobo Xitano lle dá á proposta do vicepresidente.
Outra noticia fala sobre un pesqueiro que atopou os restos dun cadáver xunto á costa de Doniños (Ferrol). O mariñeiro "Francisco Javier" localizou o corpo, en avanzado estado de descomposición, arredor das 8 da mañá mentres subía as redes. Unha vez en terra, a Garda Civil fíxose cargo dos restos sen vida, e un xuíz tomou dilixencia para o seu traslado. Pénsase que é un dos mariñeiros que desapareceu tras o naufraxio do pesqueiro "Cordero". Váiselle facer a autopsia e probas para identificar o cadáver.
Esta noticia aparece de diferentes modos en "Galicia Hoxe" e en "De luns a venres":
- En "Galicia Hoxe" dáselle menor importancia. Por iso aparece con letra máis pequena, como unha noticia secundaria. Non ten ningunha foto e pódese ver na marxe. O titular é: "Un pesqueiro localiza os restos dun cadáver en augas próximas a Doniños (Ferrol) e lévaos ó porto da Coruña"
- En "De luns a venres" dáselle máis importancia, polo que a noticia se presenta cunha letra máis grande e en negriña. Tampouco aparece foto, pero a noticia non aparece na marxe en pequeniño, senón que está no centro. O titular é: "Un pesqueiro colle na rede restos humanos descompostos fronte á praia de Doniños".
Seguiremos achegando novas.