quinta-feira, 17 de janeiro de 2008


Non é necesario saír de España para descubrir múltiples linguas e culturas.

De feito, en España, o castelán convive con outras linguas como o galego, o asturiano, o vasco, o aragonés, o catalán e o aranés (variante do occitano).

Cada unha destas linguas ten as súas propias normas e o seu territorio non coincide coas fronteiras políticas.

Son linguas minorizadas. Algunhas están moi protexidas como o catalán (fálase en Cataluña, Valencia, Illas Baleares e Andorra). Outras teñen un grao de protección limitada como o galego (fálase en Galicia e nalgunhas franxas de Asturias e León), o vasco (fálase en Euskalherria, no estado español, e Iparralde, no estado francés). As demais atópanse en perigo, xa que non contan con recoñecemento legal e o número de falantes é moi baixo, é o caso do asturiano (fálase en Asturias, unha franxa de León e Zamora e unha comarca de Portugal), aragonés (fálase nos vales pirenaicos do norte de Aragón) e o occitano.

Para comprender a situación na que se atopan estas linguas, poñemos como exemplo o galego.

Na Idade Media, o galego, vivía nunha situación de normalidade. Utilizábase tanto no oral como na escrita. Dende mediados do século XIV ata a metade do XVI, a escrita en galego diminuíu ata case desaparecer. No século XIX prodúcese o rexurdimento, etapa na que se procura a normalización da lingua. Na actualidade o galego conta con 2.500.000 falantes e posúe recoñecemento legal e social mais este número está en descenso.

Para apreciar o valor de estarmos nun estado plurilingüe debemos ver estas linguas como unha riqueza e non un problema.


Nenhum comentário:

Postar um comentário

Expresa a túa opinión, mais con boa letra! Todos os comentarios insultantes ou, simplemente, despectivos serán eliminados.